A universidade loita desde hai anos contra o absentismo. Na secundaria non pasa tanto, grazas ao control de faltas e á comunicación continua dos docentes coas familias, pero o resultado non sempre é mellor: en moitas ocasións o alumnado pasa sesión tras sesión nun estado pasivo. En boa medida, porque as clases non sempre xiran arredor dos procedementos e quedan máis nun plano teórico. Non sempre é así, e desde logo é discutible, pero pasa con frecuencia.
Sempre que a materia o permita, a práctica debería facerse durante a sesión, coa axuda experimentada do docente e con exemplos do mundo laboral ou doutros ámbitos alleos ao ensino. Se a práctica se pode entregar despois, desde a casa, a clase deixa de ser imprescindible, e posiblemente tamén o docente. E hoxe, coa intelixencia artificial xerativa ao alcance de calquera, unha entrega feita fóra da aula xa nin sequera demostra que a fixese a persoa que a asina.
Eu son da idea de que o alumnado aprende facendo, e tamén equivocándose, sen que iso o penalice na avaliación. O importante é facer, non acertar. Con esa idea deseñei Tao: as prácticas entréganse na aula e durante a sesión. Non despois. Alí.
Aprender facendo, e equivocándose
Este enfoque non é unha manía persoal. A investigación educativa leva anos sinalando que a asistencia a clase é un dos factores que mellor anticipan o rendemento na universidade. E cando o alumnado traballa de forma activa, en lugar de limitarse a escoitar, suspende bastante menos que coa clase expositiva tradicional.
O erro tamén forma parte do proceso. Enfrontarse a un problema, e fallar, antes de recibir a explicación axuda a comprendelo mellor despois: é o que se coñece como fracaso produtivo. Por iso en Tao o que conta é estar activo, non acertar á primeira.
Isto esíxeme algo tamén a min como docente: deseñar prácticas que se poidan facer na sesión, sen que o alumnado teña que buscar información pola súa conta, e cunha explicación previa breve, de dez minutos como moito. Canto menos tempo pasa o alumnado escoitando, máis tempo pasa facendo.
Que é Tao?
Tao é un programa ao que o alumnado accede coas súas credenciais. O docente pode matriculalo cun ficheiro CSV, co mesmo formato que usa Moodle, ou ben de forma manual, un a un.
Ao entrar, cada alumno ve sempre o calendario escolar coas sesións semanais. Cada sesión está asociada á súa unidade didáctica, de modo que sabe en todo momento cantas sesións leva a unidade e cantas quedan. Para entregar, preme na sesión do día e sobe os ficheiros ou responde directamente en markdown, un formato de texto moi sinxelo. Un indicador verde ou vermello en cada sesión mostra dun golpe de vista en cales entregou e en cales non.


Como funciona por dentro
Tao é un cliente que se comunica cun servidor de ficheiros, File Browser Quantum. No meu caso, teño o servidor instalado no ordenador do profesor, por varios motivos:
- Velocidade. Todo queda dentro da rede local da aula, polo que as transferencias son rápidas.
- Protección de datos. Os traballos non saen do centro nin pasan por servizos de terceiros. Iso vai na liña do que pide a normativa de protección de datos (tratar só os datos necesarios e no menor número de sitios posible) e reduce moito os riscos, aínda que non exime de cumprila.
- Didáctica. O alumnado só pode entregar durante a sesión; fóra dela non ten esa posibilidade. Iso si, o profesor pode desbloquear sesións anteriores cando o considere necesario, para que alguén poida entregar igualmente. Se o servidor de ficheiros se instala nun equipo cun enderezo público, como un VPS, este funcionamento pódese replantexar e adaptar a outra metodoloxía.
Tao está instalado en todos os ordenadores da aula. Desde Piztu instálase en dous clics: abonda con manter premido durante tres segundos o botón do módulo Tao.

Seguro que xorden dúbidas: que se pode subir, que tamaño admite… Probeino con prácticas pequenas de texto e imaxes, e funciona ben. Cos ficheiros grandes de vídeo ou audio aínda non teño experiencia, así que irei facendo probas e mellorando o cliente e a configuración do servidor.
Entregar sen complicacións
Moodle é unha plataforma potente e flexible, pero para unha entrega diaria na aula é máis do que fai falta. Publicar unha tarefa para cada sesión acaba sendo un traballo pesado para o docente. Con Tao e o servidor de ficheiros, a publicación é áxil e o proceso resulta claro tanto para o profesorado como para o alumnado, sen configuracións interminables. O traballo docente debería ser máis sinxelo ca todo iso.
Ademais, o alumnado pode xerar un informe diario do seu traballo, asinado dixitalmente. A sinatura garante quen o entrega e cando. Xunto coas tarefas individualizadas que se poden crear con Lúa para as materias de ciencias, iso pecha boa parte da porta ao plaxio.
As copias de seguridade tamén son sinxelas: os traballos do alumnado gárdanse como cartafoles de ficheiros, que o docente pode copiar en calquera momento.
Aprender uns doutros
Gústame que o alumnado se axude. Moitas veces un alumno aprende máis explicándolle algo a un compañeiro ca estudando só. Os latinos xa o dicían, docendo discimus («ensinando aprendemos»): preparar unha explicación e dala obriga a ordenar as ideas e mellora a propia comprensión.
Por iso Tao permite a comunicación entre o alumnado, e entre o alumnado e o profesor. Como cada grupo é distinto, o docente pode cortar esa comunicación nun grupo concreto se o considera necesario.
O profesor sobe as tarefas na sesión do día, e tamén pode publicar recursos e ligazóns no muro da aula. Para evitar descoidos e esquecementos, considero mellor facelo sempre do mesmo xeito.

Avaliar o proceso, non o acerto
O docente pode obter un informe das tarefas entregadas e non entregadas en cada unidade didáctica, para cada alumno ou para todo un grupo. Paréceme un informe valioso porque recolle exactamente o que quero fomentar: que o alumnado veña a clase e que estea activo.

Non substitúe a avaliación, senón que a complementa, xunto coas observacións do docente sobre o seguimento, a participación e os exames. É o que se coñece como avaliación formativa: usar a información para mellorar a aprendizaxe mentres sucede, e non só para poñer unha nota ao final.
Á súa vez, Tao non obriga o docente a corrixir unha a unha todas as tarefas que entrega o alumnado, pois a corrección pode facerse en común para todo o grupo unha vez entregada a tarefa. Tao está pensado para avaliar o proceso, comprobando que o alumno asiste a clase e entrega as tarefas. Iso si, se o docente quere corrixir todas as entregas, a aplicación tamén o permite.
A avaliación en Moodle é moi pormenorizada: afina ata as centésimas, e así aparecen notas de 4,98. Configurala ben leva anos de práctica, e cómpre preguntarse se paga a pena tanto esforzo para decidir, ao final, se un alumno sabe ou non sabe a materia. Tao busca unha avaliación máis sinxela e natural: comprobar se o alumno asiste a clase e se está activo entregando as tarefas, como complemento da avaliación doutros aspectos.
Un diario de aula
Hai outra utilidade de Tao que non buscaba ao principio e que acabou sendo das que máis aprecio: funciona como un diario de aula. Como cada sesión queda rexistrada no calendario coas súas tarefas, recursos e entregas, o docente ten sempre presente que se traballou en cada clase.
Basta con mirar o calendario para saber cando comezou e cando rematou cada unidade didáctica, cantas sesións se lle dedicaron e que materiais se empregaron en cada unha. Toda esa información, que doutro xeito queda espallada en cadernos, notas soltas ou na memoria, está ordenada e sempre á man.
Isto resulta especialmente valioso á hora de facer o seguimento da programación en Proens, a aplicación da Xunta de Galicia. En lugar de reconstruír de memoria o que se fixo no trimestre, abonda con consultar Tao e trasladar os datos.
En resumo
Seguiremos analizando Tao desde outros puntos de vista. Nesta primeira aproximación, salientaría cinco cousas:
- mantén o alumnado activo durante a sesión;
- xestiona as entregas cun sistema de ficheiros sinxelo e áxil;
- facilita a axuda entre iguais;
- recolle información útil para a avaliación: se o alumno veu a clase e se traballou nela;
- e serve como diario de aula, moi útil para o seguimento da programación en Proens.