Aprende git e github xogando con este simulador

Presentamos A tarandeira do git, un simulador para aprender git e GitHub paso a paso, cunha gata que explica cada idea en viñetas e un mapa que amosa en directo que pasa dentro do repositorio con cada comando.

Xogar agora →
piztu.org/git

Funciona no navegador. Non hai que instalar nada nin crear unha conta.

Pantalla do xogo: á esquerda a misión «As tres zonas» coa Tarandeira, no centro o mapa de commits e as tres zonas (mesa, escenario e álbum) co ficheiro receita.txt preparado, e á dereita o terminal con git add.

Misión «As tres zonas»: o terminal á dereita, e no centro o que acaba de pasar e onde está cada ficheiro.

Por que outro xeito de aprender git?

Git é unha ferramenta imprescindible para quen programa, escribe documentación ou traballa en equipo, pero ao principio asusta. Os comandos parecen máxicos, as mensaxes están en inglés e un git reset mal posto dá medo. Moita xente aprende a copiar comandos sen chegar a entender que fai cada un.

A tarandeira do git dálle a volta: antes de teclear, entendes a idea. E cando teclees, ves o efecto. Todo pasa nun terminal simulado, así que podes equivocarte as veces que queiras. Hai un botón para desfacer o último comando e ningún erro ten consecuencias.

Metáforas que se ven

Git ten tres sitios onde viven os ficheiros, e o xogo debúxaos sempre en pantalla:

  • 🖐 A mesa: o directorio de traballo, onde escribes de verdade.
  • 🎬 O escenario: a staging, o que sairá na próxima foto. Chégase con git add.
  • 📒 O álbum: o repositorio, as fotos xa feitas. Cada git commit é unha foto.

Cando chegan as ramas, o mapa de commits convértese nun mapa de estradas. Cada commit é un pobo, cada rama unha estrada co seu cartel, HEAD é o coche e un merge é un empalme. Cada misión ten as súas Viñetas da Tarandeira, pensadas para que as entenda calquera, aínda que nunca abrise un terminal.

Viñeta «Xuntar ramas»: a Tarandeira explica un fast-forward. A estrada main fai un lazo, pasa polo pobo Canela da rama variante e volve; o cartel main apunta ao mesmo pobo.

As viñetas explican cada concepto antes de practicalo.

Mapa de commits despois de git merge variante: a liña de main fai un lazo pola rama variante e remata no mesmo commit, co texto «o mesmo commit».

O mapa de commits anímase con cada comando. Aquí, un fast-forward.

 

Un itinerario completo, de cero a colaborar

36 misións repartidas en sete fases, desde o primeiro git init ata un Pull Request de verdade:

  • Fase I · O teu primeiro repositorio (7 misións): Crear, mirar e gardar.
  • Fase II · Viaxar no tempo (2 misións): Comparar e desfacer: restore, revert, reset e reflog.
  • Fase III · Ramas (3 misións): Probar sen medo, xuntar e resolver conflitos.
  • Fase IV · GitHub: colaborar (8 misións): Fork, clone, push e Pull Request.
  • Fase V · Traballo en equipo (5 misións): Un repositorio común, revisións e conflitos.
  • Fase VI · Oficio (6 misións): stash, tag, cherry-pick, rebase, .gitignore e blame.
O GitHub simulado: un Pull Request «Engade a multiplicación» con comentarios de profe-anxos pedindo cambios, a caixa de fusión e o formulario de revisión.

O GitHub simulado: forks, issues, Pull Requests e revisións. Nalgunhas misións cambias de papel e es ti quen decide se aceptas a contribución.

A quen vai dirixido

  • Alumnado de ESO, Bacharelato, FP de informática ou universidade que vai usar git por primeira vez e quere entendelo de verdade.
  • Autodidactas: persoas que xa copiaron algún comando de git e queren saber por fin que hai debaixo, ao seu ritmo e sen medo.
  • Docentes que buscan unha práctica guiada para a aula, con seguimento do progreso e traballo en equipo.
Pantalla de benvida en galego: a Tarandeira xunto á súa tarandeira baleira, os cinco pasos de cada misión e o selector de idioma.

A benvida, co selector de idioma: galego, español, inglés e portugués.

 

Comezar a primeira misión →
piztu.org/git

Scroll ao inicio