Ata agora usamos Lúa para preparar exames, prácticas ou boletíns. Coa última versión podemos ir un paso máis alá: pedirlle ao asistente que consulte os datos dun organismo público e que, a partir deles, redacte un informe fundamentado, é dicir, un informe no que cada conclusión se apoia en cifras e gráficos que se poden comprobar.
As fontes poden ser moi variadas: o Instituto Nacional de Estatística (INE), o Instituto Galego de Estatística (IGE) ou datosclima.es, que recolle os rexistros das estacións meteorolóxicas de AEMET. Neste artigo usamos esta última para responder unha pregunta que dá moito xogo na aula: ¿constátase o cambio climático nos datos dunha estación preto de nós?

Paso a paso
Paso 0. Instala ou actualiza Lúa
Esta función só está dispoñible nas versións máis recentes. Descarga a última desde a páxina de versións de Lúa en GitHub (a 26.11.1 no momento de escribir isto) e instálaa por riba da que teñas.
Paso 1. Crea un proxecto
Como xa vimos noutros artigos, un proxecto é simplemente o cartafol onde Lúa garda a información. Créao e escolle en que cartafol do teu computador se vai gardar.
Paso 2. Crea un formulario co asistente
Preme no botón Abrir do proxecto e crea un formulario novo co asistente.
Paso 3. Engade un campo de texto longo e garda o formulario
Un informe é un texto extenso, así que abonda cun único campo de texto longo. Garda o formulario cun nome que o identifique, por exemplo Clima Vimianzo.
Paso 4. Pídelle o informe ao Asistente datos
Preme en Asistente datos e escribe a petición. Nós usamos esta:
Prompt
Cos datos gardados de https://datosclima.es/, obtidos pola estación meteorolóxica de Vimianzo, quero que fagas un informe onde se reflicta a evolución das temperaturas desde o ano 2000 ata o 2026, empregando os gráficos necesarios, co obxectivo de comprobar se ao longo destes anos se constata o cambio climático.
Fíxate en que o prompt indica tres cousas: de onde saen os datos (a fonte e a estación), que período se estuda e para que se quere o informe. Canto máis concreta sexa a petición, máis útil será o resultado.
O resultado
O asistente consultou a serie da estación de Vimianzo (indicativo 1399 de AEMET), calculou as medias anuais, debuxou os gráficos e chegou a unha conclusión clara: con estes datos, si, constátase un quecemento. Algúns dos resultados:
- A temperatura media sobe +0,66 °C por década, uns +1,7 °C entre 2000 e 2025.
- Comparando períodos: 12,46 °C (2000–2009), 13,10 °C (2010–2019) e 13,74 °C (2020–2025).
- O quecemento está case todo nas mínimas: as noites quéntanse unhas cinco veces máis rápido ca os días.
- Os once anos de 2000 a 2010 quedan por debaixo da media; os seis máis cálidos están entre 2017 e 2025.
- 2026 aínda non está pechado, e o informe trátao á parte en vez de mesturalo coa serie.
Podes velo enteiro aquí ou descargar o PDF:
Un informe fundamentado tamén di o que non sabe
O propio informe remata cun apartado de precaucións: é unha única estación, 26 anos son pouco para falar de clima global e os datos recentes só pasan controis automáticos. Esa honestidade é parte do valor do exercicio. Aínda así, comproba sempre algunha cifra na fonte orixinal: a IA pode equivocarse, e contrastar é precisamente o que queremos ensinar.
Ideas para a aula
- Contrastar estacións: cada grupo pide o mesmo informe para outra estación (Santiago, Cabo Vilán, Fisterra…) e comparan as conclusións.
- Ler gráficos con espírito crítico: ¿que significa a media móbil?, ¿por que se separan máximas e mínimas?, ¿por que non se pode comparar 2026 cos anos completos?
- Outras fontes, outras preguntas: co INE ou o IGE pódese estudar a evolución da poboación do teu concello, o envellecemento ou o paro, sempre co mesmo esquema: fonte, período e obxectivo.
O importante non é que a máquina responda por nós, senón que nos devolva un documento con datos verificables sobre o que discutir. E iso, na aula, vale ouro.