Tao na aula

01 · Activar o módulo desde Piztu

Tao non vén «dentro» de Piztu. É un módulo externo: unha aplicación independente cun ficheiro modulo.json que Piztu descobre no cartafol de módulos. Iso é importante para entender o resto: Piztu limítase a atopalo, amosalo e lanzalo.

Para que apareza no Piztu vou a ⚙ Aula → Módulos. Aí vexo tanto os módulos xa instalados como os do catálogo. Marco a súa caixa para activalo. O estado gárdase nos axustes de Piztu, así que sobrevive a reinicios.

Ao activalo, aparece o botón de Tao na barra do Piztu. Un detalle que convén saber o primeiro día: ao premelo, Piztu péchase e queda Tao na pantalla. Non é un fallo: Tao é unha aplicación de pantalla completa que substitúe o mapa, non un acompañante. Se o queres abrir sen pechar Piztu, usa Ctrl + clic.

02 · Instalar Tao aos equipos do alumnado

Ata aquí Tao só está no equipo do profesorado. O alumnado precisa o seu propio Tao en cada posto, pois será o software que permitirá responder ás prácticas ou como programa para salvar as prácticas en edición e non rematadas. O instalador de Piztu xa o fai unha vez (Paso 8), pero sempre chegan equipos novos, reinstalacións e o portátil que ese día non estaba acendido. Para iso existe unha acción en quente desde o mapa:

  • O botón ⚙ da liña de Tao dentro de ⚙ Aula → Módulos, ou
  • Unha pulsación longa (3 s) sobre o propio botón de Tao na barra.

03 · Para que serve realmente

Tao é o caderno de clase do alumnado, pero en formato dixital e verificable. Cada alumno entra co seu usuario e dispón, por materia, de:

  • Rexistro diario en Markdown (con vista previa e imaxes): que fixo hoxe, con que problemas se atopou e como os resolveu.
  • Ficheiros de traballo anexados á sesión.
  • Mensaxería co profesorado e incidencias (positivo, negativo, expulsión, falta de orde). Estas últimas son visibles para o alumno a propósito: se rexistro algo, quero que o saiba.
  • Calendario e programación da materia: podo mesmo pegar a URL da orde do DOG e Tao extrae o inicio, o fin e os períodos non lectivos para encher a táboa (que despois reviso a man, xa que o DOG cambia de redacción cada ano).

E unha decisión de arquitectura clave para o mantemento: non hai base de datos. Todo son ficheiros nun servidor File Browser. Unha copia de seguridade consiste, simplemente, en copiar un cartafol.

04 · A sinatura dixital como recurso didáctico

Esta é a parte pola que máis me preguntan os compañeiros. O alumnado non entrega un PDF calquera: entrega un PDF asinado criptograficamente co seu propio certificado.

Como consegue un certificado

Existe unha autoridade de certificación (CA) do departamento. Cando o alumno cambia o seu contrasinal, Tao xera para el un certificado persoal asinado por esa CA, empaquétao como .p12 protexido con contrasinal e súbeo ao seu cartafol do servidor. Non hai trámites, non hai FNMT nin papeis: é totalmente transparente para o alumnado e ocorre no seu propio equipo.

Como asina unha práctica

No informe, o alumno escolle o alcance, revisa o contido e preme en asinar. Tao renderiza o PDF, engade a sinatura en vertical na marxe esquerda de cada páxina coa data, asínao con PAdES e súbeo ao servidor. O nome do asinante léuse directamente do certificado.

Por que dificulta o copia e pega

O informe non se garda no escritorio para logo envialo por calquera vía: publícase no servidor, asinado, coa data da sesión e cos checksums SHA-256 dos ficheiros subidos ese día. Un traballo copiado dun compañeiro pódese seguir copiando, pero xa non se pode presentar como propio sen que a sinatura, a data e o hash contradigan a historia. E, sobre todo, obriga a algo moi didáctico: para asinar hai que escribir o que se fixo, sesión a sesión, mentres se realiza.

Na práctica, o efecto na aula é máis pedagóxico que policial. O alumnado entende que asinar é un acto con consecuencias e aprende na práctica conceptos fundamentais: clave privada, autoridade de certificación, integridade e non repudio.

Honestidade técnica

⚠️ A CA do departamento vai integrada no binario cliente. Quen extraia o binario pode obter a clave e falsificar certificados. É un método aceptable para un despregue interno e de confianza dentro do centro, pero non para un uso con validez legal externa. Explícollo así ao alumnado: é un ensaio real dun sistema real, non un DNI electrónico.

05 · Contidos individualizados con Yang

Se cada quen asina o seu traballo, o paso seguinte é obvio: que cada quen teña o seu propio enunciado. Aí entra Yang, o xerador de exercicios parametrizados con Maxima e LaTeX. Yang é unha aplicación independente, pero cando se abre desde Tao pásaselle un contexto e o circuíto péchase só:

  1. Tao: na sesión do día elíxese «Editar con Yang», enviándolle a materia, a data e a lista de alumnado.
  2. Yang: suxire tantas iteracións como alumnos hai e xera esas variantes do exercicio, cada unha con datos distintos.
  3. Yang: a través da opción Repartir, emparella cada variante xerada cun alumno real da lista.
  4. Tao: cada alumno atopa a súa tarefa na súa sesión. Ninguén ten o mesmo enunciado ca o veciño.

Cando alguén precisa unha adaptación (un enunciado máis guiado, outro contexto ou unha ampliación), non hai que romper nada: dentro do editor dese alumno selecciónase «Editar con Yang» individual. Yang detecta que só se está editando a unha persoa e oculta o botón de repartir; o contido xerado vai directo a ese alumno.

Acoplamento cero

Se abres Yang de xeito independente (desde o mapa de Piztu ou a man), non hai contexto de Tao e a opción de «enviar a Tao» non se amosa. Segue sendo o xerador de exames habitual. Un módulo non debe cambiar de comportamento por quen o mira, senón por quen o abriu.

Con isto gáñase tempo de verdade. Preparar trinta enunciados distintos a man é inviable; preparar un enunciado parametrizado e repartilo leva cuestión de minutos. Ademais, desaparece a discusión de «a min tocoume máis difícil»: a estrutura é a mesma para todos.

06 · Os informes do profesorado

O alumnado xera informes asinados do seu traballo con cinco posíbeis alcances:

Alcance Cando se usa na aula
Sesión Prácticas dunha soa sesión (entrega do día).
Semana Seguimento habitual en ciclos formativos.
Entre datas Un proxecto que non encaixa no calendario regular.
Unidade Peche de unidade didáctica, coa súa numeración e título.
Avaliación Entrega global do trimestre.

Por outra banda, os Informes de Seguimento do profesorado son os que máis tempo aforran. Tao garda un rexistro por sesión (o traballo realizado ou a causa de non habela: folga, excursión, ausencia) e constúe:

  • Análise de temporalización: sesións programadas fronte ás reais por unidade, indicando o grao de cumprimento (alto / medio / baixo). É xusto o que se pide nos departamentos e que antes se facía de memoria a final de curso.
  • Seguimento por unidade didáctica: obxectivos, contidos, criterios de avaliación, desviacións e propostas de mellora.
  • Rexistro mensual de aula co detalle de sesións do mes.
  • Informe motivado redactado a partir do rexistro, exportable a PDF, ODT ou DOCX para incorporar á memoria do departamento.

07 · O que Tao non fai

Tao garda información sensible: quen está en que equipo, o historial de sesións, incidencias e traballos. Por iso, o resto do ecosistema non ten acceso a ela:

  • A API de Piztu para módulos nunca expón os datos de Tao; ese código nin sequera importa o paquete de Tao.
  • Xesta (o asistente de IA que xera scripts de administración) está illado deste circuíto por completo ao ser unha ferramenta de administración.
  • Cando un módulo precisa saber quen está en cada equipo (como Pancho para os informes de inventario), a vía correcta é pedir as credenciais ao profesorado nese momento, sen empregar credenciais de administrador embebidas.
  • Para pasar prácticas a unha IA para axudar na corrección, Tao prepara unha copia anonimizada: cada alumno queda nun cartafol identificado por un UUID interno, mantendo a táboa de equivalencias fóra dese cartafol.
Scroll ao inicio