Instalar OpenCADStudio en toda a aula con Xesta

Captura do módulo Xesta xerando a acción de despregue de OpenCADStudio

Administración · Na aula

Quería OpenCADStudio en toda a aula de informática, coa miña propia configuración. En vez de ir posto por posto, describínlle a Xesta o que precisaba e despregueino a todos os equipos á vez.

Este trimestre quería usar OpenCADStudio —un programa libre de CAD, con debuxo en 2D e modelado en 3D— cos meus grupos. Instalalo nun equipo é sinxelo, pero a aula ten preto de trinta postos e facelo un por un é unha tarde enteira, que ademais hai que repetir cada vez que se reinstala un equipo.

01 · Un guión, e Xesta faino acción

Con axuda de Gemini preparei un guión que instala sempre a última versión de OpenCADStudio (comproba as dependencias, consulta a API de GitHub e instala o paquete Snap). Probeino nun equipo e funcionou.

⬇ Descargar o guión (instalar_openCadStudio.sh)

Iso resolve un equipo. Para levalo aos outros vinte e nove, abrín Xesta e describínlle en galego o que precisaba: converter ese guión nunha acción para lanzar sobre toda a aula á vez. Non tiven que tocar a ferramenta de administración que hai por debaixo —Xesta devolveu un estado de Salt que deixa o guión en cada equipo e despois o executa—.

⬇ Descargar o estado de Salt (opencadstudio.sls)

02 · Probar nun, despregar en todos

Apliqueino primeiro a un só equipo e comprobei que abría ben. Feito iso, lanceino sobre o grupo enteiro e en pouco estaba en todos os postos. Gardei a acción na biblioteca de Xesta: cando se reinstale un equipo ou chegue un novo, non parto de cero.

⚠️ Se a instalación implica reiniciar os equipos, lánzaa cando non haxa alumnado traballando.

03 · E as miñas personalizacións, onde quedan?

Instalar o programa é só media viaxe: eu tamén teño os meus atallos de teclado e as miñas preferencias, e quería levalos a toda a aula. Ao instalarse como paquete Snap —como é o caso deste guión—, OpenCADStudio garda toda a configuración do usuario nunha ruta fixa dentro do seu home:

~/snap/open-cad-studio/current/.config/OpenCADStudio/

Dentro desa carpeta gardo dous ficheiros que despois copio a cada equipo xunto co propio programa:

  • ocad.pgp — os atallos de teclado. No meu caso, adaptados aos que xa coñece o alumnado de Aut
  • FreeCAD (comandos como L para liña, C para círculo, M para mover…), para non ter que reaprender nada.

    ⬇ Descargar ocad.pgp

  • settings.json — a configuración xeral do programa: tema, formato de gardado por defecto, atallos de teclado xerais, idioma, etc.

    ⬇ Descargar settings.json

Con estes dous ficheiros na ruta indicada, calquera equipo abre OpenCADStudio xa coa mesma configuración que uso eu, sen tocar nada a man posto por posto.
Como coa instalación, tamén lle describín este paso a Xesta para non ter que copiar estes dous ficheiros equipo por equipo: devolveume outro estado de Salt que crea o cartafol de configuración e deixa alí o ocad.pgp e o settings.json en cada posto.

⬇ Descargar o estado de Salt (personaliza_opencadStudio.sls)

04 · Que cambia isto na práctica

O interesante non é o programa concreto, senón o fluxo: describo o que quero en linguaxe normal, Xesta xérao, compróboo nun equipo e, se vai ben, despregar en toda a aula é un paso máis, non outra tarde. E queda gardado e reutilizable nas reinstalacións.

Scroll ao inicio