Europa aposta polo software libre: chega Euro-Office

Ilustración de Euro-Office: documento, folla de cálculo e presentación rodeados das estrelas europeas, cunha cadea rota a cada lado

Euro-Office: unha suite ofimática libre feita en Europa.

Despois de tantos anos de dependencia do software propietario, Europa empeza a apostar en serio polo software libre. Un dos primeiros froitos é Euro-Office, unha suite ofimática libre que xa podes instalar no teu ordenador.

01 · Europa busca a súa soberanía dixital

Administracións, escolas e empresas europeas levan décadas atadas a programas e servizos que non controlan: licenzas que se renovan cada ano, formatos pechados e datos gardados fóra. Cada vez hai máis consenso en que esa dependencia tecnolóxica é un risco, e en que o software libre é a forma de rompela.
Euro-Office é un exemplo dese cambio: un proxecto impulsado por empresas europeas como IONOS, Nextcloud, XWiki ou OpenProject para ofrecer unha alternativa aberta, auditable e baixo control europeo.

02 · O ensino galego xa o fixo hai máis de 10 anos

En Galicia isto non é novo. Co proxecto Abalar, o ensino galego apostou hai máis dunha década polo software libre nas aulas, levando GNU/Linux e ferramentas libres a miles de alumnos e profesores. Piztu segue esa mesma liña: ferramentas libres, que se poden estudar, modificar e compartir.

03 · Que é Euro-Office

  • Procesador de textos, folla de cálculo e presentacións nun só programa.
  • Compatible cos formatos de Microsoft Office (DOCX, XLSX, PPTX) e cos formatos abertos OpenDocument (ODT, ODS, ODP).
  • Software libre baixo licenza AGPLv3, baseado no código de ONLYOFFICE.
  • Dispoñible para Linux, Windows e macOS.

04 · Como instalalo

Descarga o instalador da última versión de Euro-Office. En Debian e derivadas (como os equipos con Piztu), colle o ficheiro .deb para amd64 e instálao con dobre clic ou desde a terminal con sudo apt install ./euro-office-*.deb. Para Windows hai un .exe e para Mac un .dmg.

Proba Euro-Office coas túas clases: abre un documento que xa teñas e comproba como se ve. Canto máis o usemos, máis forte será a alternativa libre.

Scroll ao inicio